
20 Ene A Xunta apoiará coa nova aceleradora Es-Conecta 18 proxectos que promovan a economía social en Galicia e o norte de Portugal
- A Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 23 de xaneiro
- Os participantes serán seleccionados entre os inscritos e segundo os resultados do Startup Day que terá lugar o próximo 30 de xaneiro en Vigo
- A iniciativa desenvolverase en Vigo e está dirixida a emprendedores e proxectos de economía social en fase de consolidación
- Es-Conecta ofrecerá formación, titorización, coaching, mentoring e apoio no acceso ao financiamento externo
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2019.- A Xunta porá en marcha en vindeiras datas a aceleradora Es-Conecta para apoiar 18 novos proxectos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que promovan a economía social en calquera sector. A Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 23 de xaneiro. Os participantes en Es-Conecta serán seleccionados entre os inscritos e segundo os resultados do Startup Day da aceleradora que terá lugar o próximo 30 de xaneiro en Vigo.
A iniciativa, que se enmarca dentro do proxecto europeo Poctep-Laces, emprazarase en Vigo e está dirixida a emprendedores e proxectos de economía social en fase de consolidación, así como a empresas baixo outras formas xurídicas propiedade de entidades de economía social ou empresas constituídas baixo outras fórmulas xurídicas que queiran transformarse en empresas de economía social. O obxectivo é apoiar aquelas oportunidades de negocio que estean enfocadas ás persoas e promovan unha maior cohesión territorial e social.
Os participantes en Es-Conecta accederán a un programa de alto rendemento de catro meses de duración, que combina, baixo a supervisión dun equipo de especialistas, un conxunto de accións baseadas na formación, a titorización, o coaching, a mentorización e o apoio no acceso a financiamento externo.
Tralo paso pola aceleradora, os participantes contarán cunha preparación e coñecementos que lles permita reducir o tempo de posta en marcha e consolidación do seu proxecto e desenvolvelo con maiores garantías de éxito. Así mesmo, accederán a fontes de financiamento externo para poñer en marcha ou desenvolver o seu plan ou empresa e formarán parte de redes de cooperación entre proxectos de diversas temáticas e sectores.
A inscrición na aceleradora realízase a través dun formulario en liña e sen custos. Na páxina web pode consultarse máis información das bases e do contido da aceleradora.
A economía social é un modelo de negocio que se basea nas persoas e que opera de xeito viable e sostible. A Xunta puxo en marcha o pasado ano a primeira Estratexia galega de Economía Social, que cun orzamento global de 73 millóns de euros, impulsará un total de 25 medidas ata 2021, co obxectivo de xerar 3000 empregos e crear 300 novas entidades neste eido.
O proxecto Laces ten como obxectivo impulsar o fomento e consolidación da economía social na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. É unha iniciativa que lidera a Xunta e que establece unha axenda conxunta para difundir as vantaxes da economía social, como marco para constituír empresas e emprego de calidade, e presenta á Eurorrexión como territorio propicio para facelo. Ademais, ten como un dos seus principais obxectivos identificar as oportunidades de negocio vinculadas a sectores emerxentes.