A USC INCORPORA UNHA NOVA ACELERADORA PARA IMPULSAR A ECONOMIA SOCIAL

A USC INCORPORA UNHA NOVA ACELERADORA PARA IMPULSAR A ECONOMIA SOCIAL

  • Un total de 20 proxectos empresariais optan a formar parte da aceleradora ES-CONECTA

 

  • Os 15 proxectos seleccionados entrarán nun programa de tres meses de duración e recibirán formación, titorización e apoio para conseguir financiamento

 

  • A aceleradora de economía social, ES-CONECTA, está dirixida a persoas ou empresas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

 

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu o DemoDay, a xornada de selección das 15 ideas empresariais que van formar parte da aceleradora de economía social ES-CONECTA.

Durante a xornada David Rodeiro, do Grupo de Investigación Valoración Financieira Aplicada (VFA) promotor da aceleradora, destacou que “obxectivo é visibilizar a importancia da economía social e axudar á consolidación das vosas empresas. Queremos potenciar os vosos proxectos para que teñan máis valor no mercado”. Ademais, David Rodeiro fixo fincapé na necesidade de fomentar o cooperativismo nos diferentes sectores económicos.

Por outra parte, o Director de Xestión e Valoración de I+D+i da USC, Rogelio Conde-Pumpido, sinalou que “na Universidade de Santiago estamos comprometidos co emprendemento, tanto a nivel formativo como na investigación”, e engadiu tamén que “nunha aceleradora o máis importante é a colaboración e a USC ofrece unha contorna colaborativa”.

Un total de 20 proxectos optan a formar parte deste programa de alto rendemento, dirixido a empresas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Os emprendedores participaron ó longo da xornada en diferentes dinámicas creativas, nas que se puxeron a proba as súas capacidades de negociación, de creatividade, de comunicación e de traballo en equipo.

O nome dos 15 proxectos seleccionados coñecerase ó longo dos vindeiros días. Durante o desenvolvemento da aceleradora, os emprendedores e emprendedoras estarán baixo a supervisión dun equipo de especialistas e recibirán formación, titorización, mentorización e o apoio no acceso a financiamento externo. As actividades desenvolveranse en Santiago de Compostela.

Todas as accións da aceleradora están encamiñadas a reducir os tempos de posta en marcha e consolidación de proxectos empresariais de economía social, o que garante súa viabilidade e minimiza os riscos inherentes aos devanditos procesos.

Os principais obxectivos da aceleradora ES-CONECTA da USC son fomentar o emprendemento e formar ás persoas que queiran poñer en marcha unha idea empresarial.