Vigo acolle a celebración do Foro Transfronteirizo A Economía Social na Economía Circular, impulsado pola Xunta de Galicia

Vigo acolle a celebración do Foro Transfronteirizo A Economía Social na Economía Circular, impulsado pola Xunta de Galicia

O evento, que se celebra o martes, 26 de novembro no Museo do Mar de Galicia, permitirá descubrir experiencias de empresas da Eurorrexión vinculadas ó sector téxtil, da automoción e da industria

O obxectivo é impulsar novos modelos de produción e consumo que sexan máis sustentables

O Foro servirá tamén para coñecer os detalles da Estratexia galega de economía circular, impulsada polo Goberno galego

 

Vigo, 12 de novembro de 2019. A Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia organiza o Foro Transfronteirizo A Economía Social na Economía Circular, que se celebra en Vigo o vindeiro martes, 26 de novembro, a partir 9:30 horas no Museo do Mar de Galicia. A cita permitirá descubrir experiencias empresariais da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal vinculadas con estes dous sectores e relacionadas coa automoción, a moda ou a industria.

O obxectivo é impulsar novos modelos de produción e consumo que sexan máis sustentables e, por outra parte, identificar estratexias de creación de empresas baseadas na economía social e na economía circular.

O Foro Transfronteirizo contará coa presenza da Directora do Campus de Sustentabilidade da Universidade da Coruña, Adina Dumitru, e do presidente da Asociación Galicia Ambiental e líder da Advanced Leadership Foundation para a promoción da economía circular, Benito García. Os dous falarán dos cambios necesarios nos actuais modelos de produción e consumo para lograr unha economía social e circular real.

Por outra parte, a Subdirectora Xeral de Residuos da Xunta de Galicia, Verónica Tellado Barcia presentará a Estratexia galega de economía circular recentemente aprobada.

Para máis información, consulta o programa completo.

As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente. Poden facelo a través do formulario online do teléfono 986 419 922.

 

O PROXECTO LACES

Este foro enmárcase dentro do programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, concretamente no proxecto LACES, Laboratorios de apoio á creación de emprego e empresas de economía social. Este proxecto está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia lidera o partenariado do proxecto LACES, que está integrado ademais pola Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, Tecminho, a Associação Centro de Incubação Base Tecnológica do Minho (In.cubo), a Câmara Municipal de Santo Tirso, e as asociacións de economía social de Galicia EspazoCoop-Unión de Coooperativas Galegas, Asociación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca).