01 Abr MÁIS DE 30 IDEAS EMPRESARIAIS INSCRÍBENSE PARA PARTICIPAR NA ACELERADORA ES-CONECTA DA USC
- A selección final dos 15 proxectos que participarán na aceleradora de economía social será o 10 de abril en Santiago
- Os proxectos recibirán asesoramento e formación durante 3 meses
Un total de 33 ideas empresariais inscribíronse na aceleradora ES-CONECTA, conovocada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Trátase dunha aceleredora de economía social de tres meses de duración. O Grupo de Investigación de Valoración Financeira Aplicada (http://www.usc.es/valfinap/)é o promotor desta iniciativa. O prazo de inscripción rematou o 25 de marzo.
Das 33 ideas presentadas, unha vintena delas participará no DemoDay, o vindeiro 10 de abril, na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. Durante este evento os participantes pasarán por distintas dinámicas que axudarán a medir as súas competencias e habilidades. Da DemoDay sairán os 15 proxectos que finalmente participarán na aceleradora de ES-CONECTA.
O programa, de alto rendemento, vai dirixido ás persoas ou empresas da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal que queiran desenvolver un proxecto de economía social.
Durante o desenvolvemento da aceleradora, os emprendedores e emprendedoras estarán baixo a supervisión dun equipo de especialistas e recibirán formación, titorización, mentorización e o apoio no acceso a financiamento externo. As actividades desenvolveranse en Santiago de Compostela.
Todas as accións da aceleradora están encamiñadas a reducir os tempos de posta en marcha e consolidación de proxectos empresariais de economía social, o que garante súa viabilidade e minimiza os riscos inherentes aos devanditos procesos.
Os principais obxectivos da aceleradora ES-CONECTA da USC son fomentar o emprendemento e formar ás persoas que queiran poñer en marcha unha idea empresarial.


