A Secretaria Xeral de Emprego aposta pola economía social e circular para impulsar unha produción e un consumo sustentables

A Secretaria Xeral de Emprego aposta pola economía social e circular para impulsar unha produción e un consumo sustentables

Covadonga Toca inaugurou esta mañá o Foro Transfronteirizo “A economía social na economía circular”, que se celebrou en Vigo e que se enmarca no proxecto europeo LACES (Laboratorios de Apoio á Creación de Emprego e Empresas de Economía Social)

O evento serviu para coñecer os detalles da Estratexia galega de economía circular, impulsada polo Goberno galego

Agroamb ou Colectivo Fento Sustentable Moda Galega son algunhas das experiencias empresariais que expuxeron o seu proxecto na xornada

 

Vigo, 26 de novembro de 2019. A Secretaria Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca, inaugurou o Foro Transfronteirizo A Economía Social na Economía Circular, que se celebrou esta mañá nas instalacións do Museo do Mar de Galicia, en Vigo. “A economía social é un piar básico e estratéxico para a Xunta de Galicia, o obxectivo deste encontro é dar a coñecer as posibilidades que nos ofrece este xeito de facer economía, e que son moi amplas”, destacou a Secretaria Xeral de Emprego.
Covadonga Toca fixo fincapé en que “dende o Goberno galego deseñamos unha estratexia consensuada para dar a coñecer o que supón a economía social e todo o que pode facer neste sector”. A Secretaria Xeral de Emprego engadiu que “esta estratexia está baseada na suma de capacidades; na sustentabilidade, é dicir, no fomento da innovación; e por suposto, en incrementar a súa visibildade”.

Por outra parte, o Foro serviu para coñecer os detalles da Estratexia galega de economía circular, que inclúe máis de medio cento de medidas. Neste senso, a Subdirectora Xeral de Residuos da Xunta de Galicia, Verónica Tellado Barcia destacou que “Galicia precisaba impulsar un cambio do paradigma para previr o esgotamento de recursos. Esta estratexia vai ser a ferramenta para afrontar o noso modelo de crecemento; é un instrumento de planificación”. Entre outros aspectos, a Estratexia galega de economía circular inclúe cuestións como a xestión do ciclo da auga ou a sensibilización da industria.
Por outra parte, a Subdirectora Xeral de Residuos sinalou que a transición cara a economía circular ofrece grandes oportunidades para Galicia, España e Europa, “por iso a nosa estratexia busca abordar os retos ambientais e materializar unha ferramenta que impulse estes modelos de negocio”. O Foro contou tamén coa presenza da Subdirectora de Economía Social da Xunta de Galicia, Alba Paz.

O Foro Transfronteirizo permitiu ó público asistente descubrir experiencias empresariais da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal vinculadas coa economía social e a economía circular. Algunhas delas, foron Agroamb, vinculada co mundo rural; o Colectivo Fento Sustentable Moda Galega ou Trameve, sobre o tratamento de pezas de automóbiles.
O obxectivo desta xornada é o impulso de novos modelos de produción e consumo que sexan máis sustentables e, por outra parte, identificar estratexias de creación de empresas baseadas na economía social e na economía circular.

No Foro interviu tamén a Directora do Campus de Sustentabilidade da Universidade da Coruña, Adina Dumitru, que falou dos cambios necesarios nos actuais modelos de produción e consumo para lograr unha economía social e circular real.

 

Foro Transfronteirizo A Economía Social na Economía Circular, no marco do proxecto LACES

A celebración do Foro enmárcase nodo programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, concretamente no proxecto LACES, Laboratorios de Apoio á Creación de Emprego e Empresas de Economía Social. Este proxecto está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia lidera o partenariado do proxecto LACES, que está integrado ademais pola Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, Tecminho, a Associação Centro de Incubação Base Tecnológica do Minho (In.cubo), a Câmara Municipal de Santo Tirso, e as asociacións de economía social de Galicia EspazoCoop-Unión de Coooperativas Galegas, Asociación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca).